domingo, 22 de agosto de 2010

O derradeiro.


Hoxe fun consciente da mobilidade das paredes, apreciaba aos seus curtos pasos ao ritmo do meu corazón. Gustaríame ter oído naqueles momentos a súa respiración, chegar a crer que esas catro compañeiras non eran inertes e eu non estaba tan soa.
Pechando os ollos, tentaba verme, mais a gran esfera terrestre absorvíame, non era nada, nin un punto, nin branca nin escura. Choraba por achegarme, o facía rápido e de súpeto podía apreciar a miña horrible figura no espello. Desexaba… desexaba non estar, nin preto, nin lonxe, nin hoxe, nin eu, nin ninguén. Pensaba na morte, sen guadaña ou roupa escura, só tranquilidade. Decatábame entón de que morta non ía sentila, e eu quería sentirme ben.
Eran eses os intres nos que tiña o corazón parado, latexando.
Sen decatarme, estaba a avanzar. O odio que nun principio descargaba na xente regresou coma un boomerang, refletíndose na miña mezquindade. Porque eu era a mala, a que non ía atinar, a que non buscaba e á que ninguén quería atopar.
Constantemente, o meu abdome recordábame a miña humanidade, abría os ollos e mirábame novamente, sorprendíame tanta naturalidade, un corpo tan aparentemente sinxelo agochaba aquela rede de pensamentos tan complexos.
O tamaño escapábase das medidas e todos nos sentíamos pequenos.
A noite avanzaba e o sol ameazaba con aparecer, era demasiado cedo, a min aínda me quedaba o último xiro, tiña que comprendelo. Non o conseguín, a miña respiración comezou a acelerarse, o meu corpo actuou, erguínme, achegueime á fiestra, o sol alumoume  e…
caín.

1 comentario:

  1. me encantó el texto.
    yo creo que no hay pensamientos complicados.
    Si no que somos nosotros mismos los que los volvemos así

    ResponderEliminar